educación feminista a través da fotografía

“I am rooted, but I flow”

Virginia Woolf (1882 – 1941)

No ano 2009 iniciei o ffotoeduca, e foi coa xenerosidade dunha coletividade feminista que nos xuntamos nos montes galegos para pasar 2 días coñecéndonos e aprendendo as unhas das outras.

Só pensei en qué podería eu dar a ese grupo de mulleres, que sacan enerxía de onde non parece haber, para facer o máis revolucionario deste mundo en que vivimos, darnos tempo a nós e a nós coas outras.

Levaba dous anos na Galiza mui activa no movemento feminista, depois de outros dez no Reino Unido onde sempre traballei do que puden, onde por necesidade aprendín inglés, e onde comecei a interesarme polas humanidades, terminando estudando unha licenciatura de fotografía documental e un posgrau de educación secundaria.

O que podía dar era algo creado dos meus principais intereses que eran, e continúan a ser, o feminismo, a fotografía e a educación.

Tomando como referencia à Jo Spence, a quen tanto lle debo sen ter tido a fortuna de a coñecer, e de muitas outras e outros que me abriron as portas a unha outra maneira de aprender e ensinar, deseñei o que sería o primeiro obradoiro de ffotoeduca.

No inicio do mesmo as compañeiras mostraranse inseguras coas cámaras, esta cousa das mulleres e tecnoloxía e da propia imaxe: “Eu non me dou ben coas cámaras. Saio mui mal…”. Mas no final eu tiña desaparecido como formadora e vía grupos de mulleres a facerse fotos as unhas às outras sen calquera control. Unha fermosura.

Na posta final cando nos mostramos as fotos as caras mudaran e se lles oía dicir con orgullo. “Pensei que non sería capaz pero fíxeno. Gostei de que me fixeran fotos, de xogar, sentínme segura”

Souben nese momento que nacera ffotoeduca, aínda sen nome e sen saber como e onde ía encaixar, mas aí estaba con claridade e para ser xa parte da miña vida.

Agora, coa apertura deste blogue ábrese unha vía nova dun proxecto do que me sinto orgullosa e ilusionada, como aquela primeira vez. Espero que me acompañedes neste continuar do camiño

Mariola Mourelo

Tamén podes estar interesada...

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *