Carmen cun mandil, perfil

O ollar desta muller crávaseme no corazon. Un ollar calmo, firme e ata curioso que narra quen é ela, cal é a súa historia e xeito de vivir a vida que lle tocou. Un ollar que parece berrarme a min tamén quen sou eu, e de onde veño. 

Despois reparas na pel queimada, no mandil que lle cobre a cabeza, na mao grande e traballada, no cabelo coberto, no muro de pedra de lousa detrás dela. 

Mas é o seu ollar o que me mantén presa sen poder apartarme dela, como se me ollara a mín mesma.

A fotografía foi feita un 20 de maio de 1925 en Pedrafitelas (Lugo), e non podo evitar sorrir, porque toda a miña familia é orixinaria do Concello de Samos, mui próximo a esta localidade. Como non ía conectar con ese ollar!

É admirabel como as imaxes, os retratos máis especificamente, teñen a capacidade de contar historias das outras, das que foron e xa non están, dos momentos que pasaron. E cando se mistura o que vemos co que sentimos e pensamos, coas propias experiencias e coñecementos que temos da vida, non só da fotografía, tornan nunha conexión entre a fotografada e a espectadora que transcende o tempo e espazo. 

De repente ali estamos esta muller de Pedrafitela e mais eu, frente a frente, con 95 anos entre nós e aínda así xuntas. A marabilla da fotografía.

A imaxe foi feita por outra muller, Ruth Matilda Anderson, unha estadounidense de 32 anos enviada pola Hispanic Society of America como “fotógrafa pesquisadora”, resultando nun memorable legado visual antropolóxico da sociedade galega de inícios do século XX . 

Mais dela falaremos con máis detalle en futuros posts.