Fotografía participativa, educación feminista e transformación colectiva

A metodoloxía ffotoeduca combina fotografía participativa, educación popular feminista e facilitación grupal. É unha forma de educar desde o cuidado, o ollar crítico e a creatividade compartida.

Como case todos os métodos, esta forma de traballo —e o lugar onde se coloca o foco en ffotoeduca— non sería posible sen o pensamento e a práxis de persoas que antes ca min se preguntaron con profundidade:
Como aprendemos?
Como nos interrelacionamos?
Como ollamos o mundo?

A metodoloxía ffotoeduca inspírase de referentes, aprendizaxes e reflexións e sobretudo, dúbidas compartidas.

Jo Spence e a fotografía como ferramenta de conciencia

Un dos nomes fundamentais para ffotoeduca é o da Jo Spence, fotógrafa documental, activista comunitaria e feminista londiniense nos anos 80 do século XX.

Podería afirmar que sen ela non existiría ffotoeduca, ou polo menos non sería o que é hoxe.

Impactoume especialmente o seu traballo co colectivo Hackney Flashers, onde as propias mulleres do barrio de Hackney – no nordeste de Londres – eran treinadas para utilizar a máquina fotográfica – e a través dela falaban das súas vidas, preocupacións e contextos. Jo Spence cuestionaba a pertinencia de contar as historias de outras persoas, reiterpretando dende un ollar alleo a realidade muitas veces descoñecida das protagonistas. Daí xurdiu este proxecto no que o poder da narrativa tranfírese da fotógrafa documentaria ou fotoxornalista aos suxeitos que van construir a súa propia narrativa.

Esta idea —a fotografía como ferramenta de conciencia, poder e transformación— é un dos alicerces do proxecto.

Se queres saber máis sobre Jo Spence, aqui podes ver o webinar adicado a ela no canle de youtube de ffotoeduca)


bell hooks e a educación como práctica da liberdade

Outro dos nomes imprescindibles é o de bell hooks, pensadora e académica feminista afroamericana.

O seu libro Teaching to Transgress (Ensinando a transgredir. A educación como práctica da liberdade) marcou profundamente a miña maneira de entender a aprendizaxe.

Hooks defende unha educación accesible para todas as persoas, como espazo de transformación, rebeldía e emancipación. As súas narracións sobre as escolas negras nos Estados Unidos en tempos de segregación racial mostran como a educación pode ser semente de pensamento crítico e dignidade colectiva, con grande influencia ainda hoxe en día.

Neste sentido en ffotoeduca, a aula —o espazo grupal— non é un lugar neutro nen inerte: é un espazo político, incómodo e transformador onde nos encontramos con nós mesmas e co noso contexto. E é a través da máquina fotográfica, e das imaxes que lemos, que exploramos toda a gama de cinzentos que a vida nos presenta.


Paulo Freire e a raíz da aprendizaxe

E nesta triloxía esencial inclúo tamén a Paulo Freire.

Foi probablemente o primeiro ao que cheguei, obviamente debido ao facto de ser home, branco e dunha determinada clase socioeconómica , apesar de ser do sul global e de abordar cuestións políticas e sociais fora do status quo.

Freire foi ata o xérmolo do problema das altas taxas de analfabetismo en Brasil, e por extensión en grande parte de latinoamérica, e desenvolveu unha metodoloxía que de forma simple mas profunda, devolvía dignidade e capacidade crítica, à vez que abria oportunidades económicas e sociais, ás persoas excluídas do sistema educativo.

A súa idea de educación como práctica de liberdade segue viva en muitas das metodoloxías e perspectivas educativas actuais, e sen dúbida ningunha, está no corazón dos procesos que abre ffotoeduca.


Un proxecto en constante transformación

De cada unha destas persoas podería escribir artigos enteiros. Mais hoxe quería facervos chegar un bocadiño do que foron as referencias dos que xurdiu a semente de ffotoeduca.

É claro que a Jo, a bell e o Paulo infectaranme coas suas ideas, mas tamén é certo que esta infección foi crecendo e tomando forma propia con outras muitas referencias, e non só aquelas que escriben libros ou son recoñecidas internacionalmente, mas con as persoas que arriscaron e continuades a arriscar a experimentar comigo a leitura e escrita de imaxes, a partilla de emocións e pensamentos, e a aprendizaxe dunha técnica fotográfica que se perde, intencionadamente, no proceso.

Todas xuntas construimos a metodoloxía ffotoeduca.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *