No marco da axenda arredor da conmemoración do 8M, Día Internacional da Muller, a área de igualdade do Concello de Cabanas presentou esta mañá a actividade “A través dos ollos das mulleres”, que combina a fotografía cunha travesía en piragua, cos obxectivos de visibilizar o papel da muller no deporte e promover o apoderamento das mulleres.

A actividade está distribuída en dúas sesións. Na primeira delas, que terá lugar este domingo 6 de marzo ás 10.30h no Apeadoiro do Areal, as participantes poderán aprender a sacarlle proveito á cámara do móbil e reflexionar sobre como son representadas as mulleres no deporte e na actividade física.

Na segunda sesión, prevista para o domingo 20 de marzo ás 10.00h, porase en práctica o aprendido nunha travesía acuática en piragua polo entorno costeiro de Cabanas, para cuxa realización contarase coa colaboración do Club Cabanas KDM.

“A actividade xorde da existencia dun grupo de mulleres que xa emprega as travesías en piragua como unha actividade apoderante que permite tecer redes de sororidade entre elas”, sinalou a concelleira de igualdade, Paula González. “A través desta actividade queremos debater sobre o rol das mulleres no mundo do deporte, que moitas veces semella pasivo mais non ten por que selo, e promover a práctica deportiva como unha experiencia que pode ser liberadora”

As persoas interesadas en participar deberán inscribirse previamente, a través do correo electrónico igualdade@cabanas.gal ou chamando ao teléfono 649 075 263.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *