Presentación

Que é ffotoeduca?

ffotoeduca, como algunhas de vós sabedes, é un proxecto con dez anos de vida, que compaxina feminismo, fotografía e educación. Ten o fin de crear espazos participativos, principalmente de mulleres e/ou sobre temas de mulleres, de feminismo, ou diversidade de xénero, onde a través de imaxes e do diálogo abrimos procesos de aprendizaxe e reflexión.

Tentarei trasladar ese espíritu ao formato online, sendo consciente de que pode haber certas limitacións, ao mesmo tempo que aparecen novas oportunidades.

Espero que o desfrutedes e vamos xa a comezar nesta viaxe fotofeminista. 

Podes consultar máis información sobre ffotoeduca AQUI

Sobre o curso “A través dos ollos das mulleres”

Benvidas a este primeiro curso online de ffotoeduca no que imos explorar durante 6 semanas a 4 fotógrafas e as súas diferentes perspectivas no uso da imaxe. Elas teñen abordado temas como a documentación de tradicións, os procesos migratorios, a vulnerabilidade do corpo, e o ativismo visual, e espero que, como a mín, non vos deixen indiferentes.

O principal obxectivo do curso é pasalo ben. Utilizar a fotografía como unha porta aberta a coñecer a outras e a nós mesmas. Atrevernos a ollar con atención, con curiosidade a toda unha cadea de mulleres, dende a que fai a fotografía á que é fotografada. E nós, as que observamos esa relación, tornámonos tamén dalgún xeito, parte dela.

Cada unidade consta de 4 apartados que aconsello tentedes facer por orde para un mellor aprobeitamento do curso.

Os dous primeiros, Ollar a Imaxe e Herstoria fotográfica introducen o tema da semana e propoñen exercicios para indagar un pouco máis individualmente. O apartado Laboratorio Visual é un espazo de experimentación con dúas propostas de actividades para facer durante a semana ou durante o curso. Éstas serán compartidas con todas na Galería a medida que vaian sendo realizadas. Finalizamos cada unidade co Forum das Aprendizaxes facendo unha avaliación individual e principais conclusións do aprendido. Tamén se fará un sumario con información adicional para completar e fechar a unidade.

Durante o curso organizaremos dous Cafés Virtuais, co obxectivo de coñecernos e compartir as impresións, ideas e práticas tratadas nas diferentes unidades.

O primeiro na terceira semana e o segundo na sexta semana do curso. Decidiremos as datas entre todas na primeira semana a través dun doodle. Xa deberías ter o link, non esquezas indicar a túa disponibilidade o antes posibel. Os cafés terán unha duración aproximada de hora e media, e utilizaremos a plataforma de videoconferencia Zoom ou outra que mellor nos vaia cos nosos equipos e internet.

No final do curso pedireivos encher un formulario de avaliación sobre a vosa experiencia con respecto tanto aos conteúdos, como o sistema de ensino e plataforma online. Pero tamén durante as diferentes unidades haberá espazo para falar e en calquera momento podedes enviarme as vosas dúbidas ou feedback ao meu email ffotoeduca@gmail.com

Grazas a todas pola confianza, por facerme chegar aqui asistindo aos cursos presenciais durante estes 10 anos.

E agora a comezar!

Mariola Mourelo

ffoteducadora, feminista e facilitadora de grupos

Email: ffotoeduca@gmail.com


Voltar ao menú do curso