Nunha visita de verao á casa da miña prima no Courel vin esta imaxe que me fixo pensar no curso “A través dos ollos das mulleres” e de outros en que xunto coas alunas aprendemos e compartimos imaxes da nosa memoria. Compartín co grupo online de agosto, que está a facer deste período de confinamento-desconfinamento un momento algo máis facil de levar e superar. Agora tamén a quero compartir con todas vós.
A fotografía probabelmente fose feita por volta dos anos 30-40. É a súa bisavoa Brígida (pode que 40 anos?) e o fillo desta “O Barullas” (aproximadamente de 20 de idade).
Daría para muito do que falar, tanto pola carga emocional que ten, sobretodo para a súa familia, como polo que nos di da xente daquela zona naqueles tempos: como vestían, que aspecto tiñan… mas tamén en que contexto se facían fotografías. Nesta imaxe pódese ver con claridade o contraste entre a muller e o seu fillo, o fondo colocado pola persoa que fotografaba, e o chán de bulleiro/lama onde estaban a posar.
Finalmente, esta imaxe estaba exposta nun marco nun dos estantes do comedor, como parte da memoria familiar, que agora pasa ás súas bisnetas e os fillos destas que comezan a súa vida a correr polos mesmos carreiros de castiñeiros e bidueiras.
Para min, que non sou diretamente da súa familia, axúdame a visualizar a memoria oral transmitida pola miña mai cando me contaba como vestía a súa avoa, co pano cruzado no peito, e a “toquilla” por debaixo. E ese mandil que leva, similar ao que eu mesma lle vira á miña avoa no que recollía mazás, patacas, e o que foxe como a máis moderna e efectiva das saquiñas reutilizabeis de hoxe én día, que por certo, ela nunca esquecía na casa, porque sempre ía con ela.
Compartin estas reflexións coas alunas-mestras de ffotoeduca – e agora tamén con vós -, inspirada polo traballo que elas mostraran na unidade sobre identidade individual e coletiva, e polas conversas dos Cafés Virtuais parte do curso. Nós todas, unhas ollándonos nos ollares das outras, compartindo imaxes, somos tamén parte desa cadea de memoría visual das mulleres e da sociedade en xeral.
Algo ben fermoso que merece a pena resaltar, e compartir.