ffotoeduca alfabetización visual

A imaxe ten un poder de comunicación mui grande e sobretodo mui imediato. Hoxe en día temos información visual chegando a nós continuamente, e cada vez máis tamén temos capacidade de crear nós mesmas, e especialmente a mocidade, mensaxes fotográficas, sexa con cámaras tradicionais ou cos nosos móbeis.

ffotoeduca alfabetización visual

Pero, sabemos realmente como descodificar a información que recibimos e emitimos? Qué elementos da imaxe axudan a transmitir unha mensaxe determinada? Qué nos está querendo dicir alén do primeiro, e con frecuencia momentáneo, impacto que nos causa?

A alfabetización visual é ainda materia pendente no sistema educativo de muitos países, do noso tamén. Así como aprendemos a ler e a escribir, como é coller un lápiz, construir frases con sentido, crear e entender textos que expresen ideas e pensamentos máis ou menos complexos, faise necesario nunha educación do século XXI ter uns coñecementos básicos sobre como “ler” e “escribir” visualmente.

No ffotoeduca é mui importante o proceso de aprendizaxe, incentivar a acción participativa e o pensamento crítico. Ser capaces de enteder o que vemos e formar a nosa opinión baseada no coñecemento e experiencia, e especialmente no diálogo coas outras.

Para conseguir isto o enfoque non pode ficar só na teoría e manexo da cámara, e apesar de que cada vez máis a técnica é parte dos obradoiros, ffotoeduca non é en esencia un servizo de formación fotográfica no sentido máis convencional.

Cursos como “Que pode facer unha muller cunha cámara?”, “Onde están as mulleres?” “Contrapublicidade non-sexista”, “Fotografía social”, “Identidade e memoria visual”, “Paseos fotográficos”ou “ffotocreativa” abordan, dacordo á súa duración, diferentes aspectos en que a fotografía chega a nós e inflúe na idea que temos do que somos e/ou son as/os outras/os desde unha perspectiva de xénero.

A alfabetización visual en ffotoeduca utiliza a cámara como ferramenta de escrita, a imaxe fotográfica como plataforma de leitura, e axúdase das persoas, a súa diversidade e particularidades experiencias e de coñecemento, para darlle forma a unha aprendizaxe que se libera maxicamente dos confins do propio curso.

O obxectivo da educación ten de ser sempre a autonomía do alunado. É para min un grande pracer cando as alunas, absortas no seu ler e escribir visual, deixan de precisar de min. Sei entonces que fixen ben o meu traballo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *